venres, 24 de febreiro de 2017

24 DE FEBREIRO, DÍA DE ROSALÍA

Hoxe é un día moi especial, cúmprense 180 anos do nacemento dunha das nosas grandes escritoras : Rosalía de Castro. Para conmemorar esta data tan importante e homenaxear a esta gran muller, recitamos un dos seus poemas máis coñecidos : Adiós ríos, adiós fontes.
Ollade que ben quedou!
        
Noraboa rapaces e rapazas, un gran traballo!

martes, 21 de febreiro de 2017

FRASES DE PELÍCULA (2ª PARTE)

Xa adiviñástedes de que película era a primeira frase coa que estivemos traballando esta quincena? Pois sí, é "Hércules"


Agora que xa estades postos no tema do cine, aí vai a segunda :


Luces, cámara, acción... a investigar !




venres, 17 de febreiro de 2017

VIDEOCLIP "SOMOS TRASNOS"

A semana pasada os nosos trasnos celebraron  unha festa moi especial : a estrea do seu videoclip "Somos trasnos". Agora teñen canción propia! Nela cóntannos o divertido que é ir á escola e o ben que o pasan, e... sabedes que? Tamén falan do noso amigo Papirus, que anda vivindo mil aventuras co mundo do cine. Pero xa lle chegaron as noticias e está encantando de formar parte deste marabillosa canción.
Despois de meses de traballo, por fin chegou o gran día! Queredes ver con todo detalle como o fixeron, e escoitar e gozar do seu impresionante videoclip? Pois clicade na imaxe!


Que chulada de videoclip! Estes trasnos non deixan de sorprendernos!

xoves, 9 de febreiro de 2017

CONTACONTOS

Hoxe no Bibliocastelo tivemos unha visita moi especial : Raquel Queizás, coñecida como Queliña. Veunos contar fermosísimas e divertidas lendas do mundo.

Primeiro preguntounos se sabiamos o que era unha lenda e entre todos e todas artellamos unha definición : historia que ten un anaquiño de verdade e un anaquiño de fantasía, que se creou  para poder explicar cousas que pasan ao noso arredor sen empregar coñecementos científicos.
Viaxamos con ela e coa axuda da música a países moi lonxanos. Contounos unha lenda china que explica porque os tigres teñen raias.




Logo cruzamos o océano e fomos ata Perú. Deste abraiante país contounos unha lenda que narra porque os coellos teñen as orellas tan longas e unha cola redondiña. Pediu voluntarios e voluntarias para realizar a escenificación. Así tivemos uns monos e unhas serpes moi especiais. Ollade, ollade!!







Pasámolo xenial! Rimos a esgalla! Quedamos con ganas de escoitar máis lendas!





Moitísimas grazas Queliña, foi un pracer terte con nós!

mércores, 1 de febreiro de 2017

DÍA DA PAZ

O pasado luns celebramos o Día da Paz. Organizouse unha actividade partindo dunha "Frase de película". Neste caso tratábase dunha cita da película Hércules na que se mencionaba o auténtico valor dun heroe. A partir desa idea nas titorías reflexionamos a propósito do tema e redactamos cadanseu manifesto de paz, baixo o título :

"Heroes e heroínas preto de nós" 

Despois do recreo, fixemos no patio unha posta en común das conclusións as que chegara cada clase. Logo cantamos a canción "Apertas que voan" do disco-libro de Paco Nogueiras "Brinca vai".
Os alumnos e alumnas de 6º sorprendéronnos cantando en francés "On écrit sur les murs" do grupo Kids United.
Como remate do acto contamos coa presenza do Alcalde, a Concelleira de Ensino e a Asesora do CEFORE de Pontevedra, que lles fixeron entrega aos alumnos e alumnas de 5º dos diplomas que os acreditan como titores e titoras do alumnado de 3º, dentro do Programa TEI (Titoría Entre Iguais). Proxecto destinado a prevención do acoso escolar.
Finalmente titores e titorizados, soltaron globos de paz e diversidade, que  encheron de cor o ceo gris, mentres cantabamos a canción de Bruno Mars "Count on me". 
Ollade o vídeo!

 


Con todos os traballos feitos nas aulas compuxemos un mural cooperativo, encabezado pola frase da película Hércules :

"Un verdadeiro heroe non se mide polo tamaño da súa forza, senón pola forza do seu corazón". 


Os nosos heroes e heroínas que están preto de nós, son :













E como estamos de cine, queremos compartir con todos vós unhas fermosas palabras do grandísimo Charles Chaplin. Estan sacadas do discurso que dá ao final da súa marabillosa película "O gran ditador". 

"Síntoo, pero non quero ser emperador; ese non é o meu oficio. Non quero gobernar nin conquistar a ninguén, senón axudar a todos se foxe posible : xudeos e xentís, brancos ou negros.
Temos que axudarnos uns aos outros. Os seres humanos somos así. Queremos facer felices aos demais, non facelos desgraciados. Non queremos odiar nin desprezar a ninguén.
Neste mundo hai sitio para todos..."

domingo, 29 de xaneiro de 2017

FRASES DE PELÍCULA

Xa que estamos de película, imos analizar algunhas frases que ao longo da historia do cine acabaron sendo famosas.
Como xa falta pouquiño para o Día da Paz, decidimos buscar unha que nos fixese reflexionar. A elexida foi :
 "Un verdaeiro heroe non se mide polo tamaño da súa forza, senón pola forza do seu corazón"


A partir dela os rapaces e rapazas debían investigar, aplicando estruturas da aprendizaxe cooperativa para averiguar de que película se trata, o director, ano de estrea, actores e actrices principais, etc. Esta actividade realizámola na hora de biblioteca.
Gustounos tanto que esta non vai ser a única. Cada quince días, máis ou menos, aparecerá unha frase no corredor do Bibliocastelo, que teremos que averiguar de que película está sacada. Coa información obtida cubriremos un caderniño.


Xa sabedes cal é a película da frase desta semana? Poñédevos mans á obra!

xoves, 19 de xaneiro de 2017

CÁMARA...ACCIÓN!!

Despois de varios meses de traballo, por fin chegou o día!
O noso colexio converteuse nun auténtico estudo de cine. Baixo a dirección de Ramón Torrente García, os rapaces e rapazas de 5º e 6º interpretaron os guións elaborados con anterioridade coas súas titoras.
Tivemos a sorte de poder contar con auténticos profesionais, xa que a actividade foi organizada e subvencionada polo CIM (Centro de Información ás Mulleres) do Concello de Bueu e pola Deputación de Pontevedra, dentro do Programa de Fomento da Igualdade.






Estamos desexando que chegue o día da estrea, que, por certo, será o 8 de marzo con motivo da celebración do Día da Muller.
Que ganas temos de velos!!!

luns, 2 de xaneiro de 2017

OBRADOIROS DE PELÍCULA

O último día de cole do ano, celebramos os Obradoiros de Nadal. Ademais dos xa tradicionais obradoiros creativos, plurilingües, máxicos...este ano, como non, houbo tamén algúns relacionados co proxecto deste curso : O CINE.
Os de 1º e 2º fixeron un mural de película, nada máis nin nada menos, que "Charlie e a fábrica de chocolate" basada no libro de Roald Dahl.
Os de 3º e 4º, un obradoiro interpretativo "Poñémonos no papel", no que tiñan que representar esceas de varias películas.
O BIBLIOCASTELO converteuse nun obradoiro de caracterización no que participaron os alumnos e alumnas de 5º e 6º. Colocáronse por parellas e maquilláronse de personaxes de películas : Batman, Avatar, Noiva cadáver, Joker...
Ollade as seguintes imaxes e comprobade o guapos e guapas que quedaron!




















E para rematar esta xornada festeira, visitáronnos as súas Maxestades os Reis Magos.



 Unhas alumnas dirixidas pola profe Marta e Loli, cantaron unhas fermosas panxoliñas ao son das guitarras. Nós acompañámolas. 



Foi unha xornada de película!!!