domingo, 24 de decembro de 2017

BO NADAL!


Con esta fermosa postal cooperativa, elaborada por todo o noso alumnado e coa colaboración das familias, dende o Bibliocastelo desexamos a toda a comunidade educativa un FELIZ NADAL!

"Que a maxia do Nadal encha todos os pratos por igual"

sábado, 23 de decembro de 2017

OBRADOIROS DE NADAL

Como todos os anos, o último día de cole do ano, celebramos os obradoiros de Nadal. Houbo de varios tipos: plástico, musical, plurilingüe, motriz...









Algúns deles estiveron relacionados co proxecto deste curso, a alimentación. Dous deles foron de cociña, elaborando riquísimas receitas. Os rapaces e rapazas de 5º e 6º decoraron madalenas con forma de árbore de Nadal. Logo fixeron brochetas con froitas e puxéronas enriba da árbore. Por último realizaron unha etiqueta personalizada na que escribiron un desexo e colocárona tamén na árbore. Na hora da merenda degustaron o que realizaron no obradoiro.  




O outro obradoiro chamouse MÁSTER CHEF COOPERATIVO.


Os nenos e nenas traballaron en grupos de 4 e 5 compoñentes, no que cada un tiña unha función (encargado dos ingredientes, preparador, decorador e empratador). Prepararon un doce con forma de bóla de neve con galletas, manteiga e coco relado e un aperitivo con forma de árbore de Nadal con pan de molde, queixo de untar, xirope e granada.


 Este foi o resultado.


No ximnasio tamén se realizou un obradoiro relacionado coa alimentación. Foi cos alumnos e alumnas de 3º e 4º. Traballaron as vitaminas. Primeiro comentaron os beneficios e as enfermidades causadas polas carencias das mesmas. Logo fixeron un circuito por equipos. Tiñan que transportar, montados en pelotas xigantes, varios alimentos ata o lugar onde estaba o cartel coa vitamina correspondente a cada alimento.






Os nenos e nenas de 1º e 2º confeccionaron un mural titulado "A casiña de verduriña". Este mural foi o broche final de todo un traballo que desenvolveron ao longo do mes de decembro sobre o libro de Ana Alonso "La casita de verdurita". Traballaron en grupos na elaboración do mural, cada un realizou unha das verduras que compoñen a casa : cenorias, berenxenas, patacas e cabaciñas. Empregaron a técnica do collage con diferentes materiais : papeis, teas, plástico... As letras confeccionáronas recortando froitas e verduras de catálogos de supermercados.








luns, 18 de decembro de 2017

VISITA DE MARÍA CORBACHO


Hoxe o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º asistiu no Centro Social do Mar da nosa vila a unha charla impartida por María Corbacho, autora do libro Vida Sa! , da editorial Hércules. Ademais deste libro, ten outros dous publicados sobre alimentación. Tamén é a autora do blog Un reflejo en el espejo  http://www.1reflejoenelespejo.com/. Nel atoparedes receitas, consellos e información moi interesante.


Contounos a súa experiencia persoal, o acoso que sufriu por ter quilos demais e como conseguiu adelgazar máis de cincuenta quilos seguindo unha dieta saudable.


Interactuou cos rapaces e rapazas a través de preguntas como :
Que é para ti a vida sa?
Cantas comidas fas ao día?
Almorzas?
Que alimentos tomas no almorzo?


Fíxonos reflexionar sobre a importancia que ten a mente, o concepto que temos de nós mesmos. O piar fundamental da vida saudable é sen dúbida, o querernos e aceptarnos tal como somos, cos nosos defectos e virtudes.



Rematou resumindo os piares fundamentais para vivir sa :
1.- Quérete e respéctate e fai o mesmo cos que te rodean.
2.- Come de forma saudable.
3.- Fai deporte.
4.- Le, estuda... Isto tamén é sa para ti!


Unha charla moi interesante! Moitas grazas María polos teus consellos! Foi un pracer que compartiras a túa experiencia con todos nós!






domingo, 17 de decembro de 2017

GUÍAS DE LECTURA

A Coordinadora de Equipos de Dinamización Lingüística do Morrazo acaba de publicar as guías de lectura, baixo o lema "Comparte amor polo noso".
Estas guías tratan de recoller as novidades do último ano, publicadas na nosa lingua. Tamén se incluiron libros de María Victoria Moreno, autora que será homenaxeada no Día das Letras Galegas 2018.









Agradecementos a Luz Beloso do IES de As Barxas de Moaña pola ilustración e a Ana Valuja do CEIP de Seixo pola enmaquetación.

martes, 5 de decembro de 2017

VIII XORNADAS DE BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA

A pasada fin de semana (1-2 de decembro) celebráronse no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela, as VIII Xornadas de bibliotecas escolares de Galicia. O lema para este curso é Aprender a pensar coa biblioteca escolar.
Estas xornadas, de cita anual, facilitan o encontro entre profesionais dos distintos niveis educativos e de distintas disciplinas. Nelas coñecemos en profundidade programas relacionados co tratamento da filosofía cos máis cativos, interesantes experiencias realizadas  en diferentes centros, tamén se analizaron os cambios que se están producindo no mundo das bibliotecas, descubrimos un novo concepto de biblioteca, UBIK (Biblioteca de Creación, que está en San Sebastián). Pero sen dúbida, o mellor de todo é o intercambio de información, experiencias e reflexións. Acudiron, coma sempre, expertos e expertas de distintos ámbitos que axudaron a reflexionar sobre diferentes retos que deben afrontar as bibliotecas escolares. Se queres consultar o programa destas xornadas, preme na seguinte imaxe.


Foi unha experiencia moi enriquecedora!

luns, 4 de decembro de 2017

NOVEMBRO. MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS


Ao longo deste mes de novembro celebramos o Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas, por iso o noso Bibliocastelo converteuse nun laboratorio. Lemos entre todos o manifesto feito por Peregrina Quintela Estévez, matemática e Premio María Josefa Wonenburger Planells 2016, que nos achegou a Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia. Se queres ler o manifesto e saber máis, preme no seguinte enlace http://www.edu.xunta.es/biblioteca/blog/?q=node/1030
Nesta páxina atoparedes un montón de información interesante : blogs de ciencias, materiais, libros...
Moitos dos libros que recomendan témolos na nosa biblioteca, algúns están no expositor.



Tivemos un mes de novembro moi movido! Fixemos un montón de proxectos e experimentos, sendo a biblioteca a principal fonte de recursos. Comezou o alumnado de 4º cun traballo moi interesante sobre os sentidos. Preme na seguinte imaxe para ver todo o proceso.


Como estamos traballando o tema da alimentación, experimentamos con alimentos. Participou todo o cole.Ollade!
Os de primeiro e segundo experimentaron con ovos e vinagre.








Os nenos e nenas de 2º tamén experimentaron cos sentidos. Preme na seguinte imaxe para ver como o fixeron.


Os de terceiro fixeron unha práctica para detectar a presenza de graxas nalgúns alimentos. Preme na imaxe.

Tamén houbo experimentos  con bebidas de cola e leite.






Este foi o resultado


Comprobamos a cantidade de ferro que teñen os cereais do almorzo.





Para saber mellor como foi todo o proceso, preme na imaxe de abaixo.


Para ver máis experimentos, preme na seguinte imaxe.


Os rapaces e rapazas de 5º fixeron na biblioteca unha experiencia sobre o PH dos alimentos e outras substancias. Preme na imaxe para ver como o fixeron.


Despois de realizar os experimentos, cubrimos unha ficha na que recollemos todo o proceso levado a cabo e os materiais empregados.








No seguinte enlace tedes un resumo de todo